Asómbrome ao comprobar como expresións recollidas neste anteproxecto teñen unha similitude -case plena coincidencia- cos principios teóricos daquela época: a principal función da muller é a reprodutora, para o que é preciso dedicarse integramente á familia e á maternidade. Por suposto, aborto e contracepción, palabras e conceptos esquecidos e tabús nos dous textos.
Non logro recuperarme do shock que me produciu ler o texto do Goberno Feijóo. “A Xunta de Galicia promoverá a protección de maternidade baixo os seguintes principios reitores: a protección institucional do dereito á vida; (…) o fomento da maternidade e paternidade responsables e, de ser o caso, o dereito dos fillos a se desenvolveren nun contorno familiar alternativo ao biolóxico cando este non sexa propicio; o fomento da natalidade”. Só acerto a pensar que este é un mal soño.
Non é posible que a nosa sociedade retrocedese setenta anos e que esquecese a loita das mulleres por un recoñecemento á súa achega social, por ocupar o sitio que por competencia e traballo lles corresponde, por lograr cotas de igualdade nunca soñadas e por que hoxe, máis que nunca, sexan valoradas por profesionalidade, por talento e por obxectivos cumpridos. Non é posible que o poder executivo evite recoñecer avances sociais como as familias constituídas con cónxuxes do mesmo sexo, unha loita librada durante moito tempo e un éxito de toda unha sociedade desenvolvida. Non é posible que o goberno de Galicia non saiba diferenciar entre sexualidade e maternidade e que condene a adolescentes á débeda moral e de por vida de entregar en adopción a un fillo.
Non é posible que se burlen os dereitos fundamentais das persoas, e por conseguinte, das mulleres dun xeito tan alegre e desenfadado.
Non pode ser que Beatriz Mato bote por terra un dos maiores logros sociais das últimas décadas. Non pode ser que Alberto Núñez Feijóo queira devolver á cociña ao 50% da humanidade relegándoo a asumir as funcións derivadas da súa fisionomía. Non me podo crer que unha sociedade coma a nosa permita isto. Galicia non o merece e as mulleres que tanto loitaron no pasado e as que hoxe loitan día a día por manter un equilibrio profesional e persoal, tampouco.
Señora Mato, Señor Feijóo, as políticas de apoio á familia son algo máis que colocar á muller no fogar fomentando a natalidade e coidando os maiores. Lideren accións coas empresas para acadar unha comprometida conciliación familiar e profesional, reduzan os gastos das familias con convenios que abaraten as tarifas dos servizos mínimos de calquera casa, tómense en serio o incremento da natalidade e aposten por ela desde todos os ámbitos: empresarial, laboral, social, etc., pero non se limiten a devolvernos a épocas anteriores porque esa non é a solución.
Vendo como o Partido Popular se arrancaba por sevillanas, non cabe dúbida de que no PP de Rajoy debe reinar moito medo a que o electorado progresista os manteña unha vez máis na oposición. Tal é así que lle puxeron a alfombra azul a ese Aznar que cada vez é máis guiñol de si mesmo, para dar unha imaxe de unidade interna que durou xusto o que tardou en cruzar Despeñaperros a lideresa madrileña.
Así, fronte ao bo rollo salpicado de fino andaluz durante toda a fin de semana e bendicido por obra e graza do santo de Georgetown, o certo é que a chamada a trincheiras non pasou dun toque de diana mañaneira. Mariano non pode desfacerse do feito de que son moitos os chamados pero poucos os realmente convencidos, e cada chanzo subido non deixa de ser un suspiro provisional. A mesma síndrome, por certo, que padece, en versión ourensá, Feijóo, o gran felón que traizoou a Cascos ás 24 horas de telo apoiado.
Despois dunha lexislatura deitado á bartola, Rajoy afronta o ano que resta ata as eleccións xerais sen librarse do sambenito de ser o líder da oposición con peor valoración na cidadanía, tanto entre os seus votantes coma dentro do seu partido, por falta de autoridade e criterio. Asistimos, pois, á proclama firme e rotunda de que España ten sede de eleccións e eu digo que Mariano ten ansias de goberno, e o peor que se pode facer nese camiño é minusvalorar o contrincante crendo ver debilidades que se poden converter en oportunidades e querendo transmitir unidade onde pequenos reinos de taifas cuestionan o liderado.
Cando para a inmensa maioría de galegos e galegas é costume agasallarse con bombóns nestas datas, unha camarilla de “imbéciles e escuros”, como di o noso himno, van repartindo bombas polas sedes do PSdeG co único fin de demostrar que a Teoría da Evolución das Especies ten excepcións naqueles individuos que posúen unha disfunción social e só cren que avanzan cando van marcha atrás.
Todos estes atolados que naceron e medraron na comodidade dun estado do benestar que lles garantiu a saúde desde que naceron, protexidos por unha Constitución democrática que acolle ata a liberdade de pensamento para loitar de xeito pacifico contra a propia Constitución, con acceso libre e gratuíto ao coñecemento, cunha cobertura de servizos sociais ao máis alto nivel; todos estes aloucados digo, nun exercicio de cinismo ou mitomanía, falan dunha situación de Galicia como a de Gaza en Palestina, coas mesmas palabras, coas mesmas denuncias, ata se visten igual que os mozos de Gaza.
E non pasaría nada nesta disputa de criterios se polo medio non estivese o risco real da violencia que exercen contra a cidadanía que non comparte o seu espellismo sectario de terroristas de fin de semana e festivos. En calquera caso, feliz Nadal.
Moitos nos preguntamos de onde saíron algúns destes frikis, aos que Gabilondo englobou no Tintorro Party, de formas tabernarias e discursos trufados de machismo, homofobia, clericalismo e, sobre todo, prepotencia reaccionaria. Aquela de “Usted no sabe con quién está hablando”. Neste novo “retablo de las maravillas” van da man Pío Moa, ex membro do Grapo, agora reconvertido a revisionista dos crimes de Franco; Mario Conde, salteador do seu propio banco, agora entregado á macroeconomía; Miguel Ángel Rodríguez, ex voceiro de Aznar, afamado publicista, antes e agora.
A eles hai que engadir outros, sobre todo algúns e algunhas ex compañeiros/as de partido, de traxectoria guiada pola vaidade de saír na televisión a calquera prezo. Calquera día, de seguir así, aparecerán no Gran Hermano de Mercedes Milá. Escoitando estes días as arengas de ultradereita destes forofos aznaristas, chamando abertamente a unha asonada golpista para cambiar o goberno, ou ben facendo burla e lanzando bulos sobre as fillas do presidente do Goberno, víñame á mente a foto na que Millán Astray, desdentado e borracho, cantaba abrazado a Franco o himno da Lexión, o mesmo que en outubro do 1936 rebentaba ao berro de “Viva la muerte, muera la inteligencia” as clases de Unamuno, acompañado por un batallón de fantoches falanxistas.
Non deixa de ser certo que as audiencias destas patochadas nostálxicas son certamente pequenas, pero o realmente preocupante é que alguén se expoña a este espectáculo bochornoso de odio, caspa e torpeza; e menos que membros da dirección do Partido Popular ou cargos electos desta formación democrática acepten participar e rirlle as grazas a auténticos botarates que, se nolos atopásemos dando un paseo, cruzariamos a rúa.
Ao continuo bombardeo de conceptos e definicións ao que cada día nos someten gurús de diferente pelaxe –sobre todo agora e en clave económica, a consecuencia do actual contexto de crise–, ninguén parece interesado en poñerlle couto, extraviándose os cidadáns nunha nube de palabras que máis parece pensada para confundir que para facilitar o acceso a unha senda coherente. Así, o que hoxe nos presentan como unha verdade incuestionable, mañá convértese nunha anécdota a pé de páxina. Se agora nos presentan unha apocalipse financeira peor que a que, a nivel sanitario, ía provocar a Gripe A, mañá –se os datos non se axustan aos prognósticos fúnebres–, esta quedará en nada, porque xa sabemos que a teoría económica non é unha ciencia exacta.
Temos que recobrar o pulso da política levándoa de novo ás prazas e ás rúas, chamándolles ás cousas polo seu nome e situándonos a carón das persoas, sobre todo agora que atravesamos innegables dificultades. Temos que falar coa cidadanía sen necesidade de tradutores do noso proxecto, da nosa idea de sociedade e de país. Non podemos permitir que violenten interesadamente o noso discurso aqueles que sempre se caracterizaron por usar a mentira como mecanismo de facer política.
O outro día regaloume unha amiga editora Inés y la Alegría, a última novela dunha das escritoras máis consolidadas e de maior proxección da literatura española contemporánea, Almudena Grandes. A recomendación da lectura desta obra produciuse no marco dunha tertulia na que se puxeron sobre a mesa as inxustas palabras do Papa, xaleadas por destacados membros do PP, nas que comparaba a sociedade española actual coa dos anos trinta. Esta obra é, ao parecer, a primeira de seis novelas independentes: os 'Episodios de una Guerra Interminable' (en honor aos Episodios nacionales de Benito Pérez Galdós) sobre un período da historia de España que abrangue os anos corenta a sesenta do século XX. A novela, subtitulada 'El ejército de la Unión Nacional Española y la invasión del valle de Arán', narra un episodio da historia de España que a autora decidiu rescatar do esquecemento, e que transcorre entre 1936 e 1944, tendo como protagonistas a figuras tan coñecidas como Jesús Monzón, Santiago Carrillo ou Pasionaria, e a outras non tan famosas, pero non menos importantes, como Carmen de Pedro ou os homes e mulleres que loitaron e, nalgúns casos, deron a súa vida por restablecer a democracia en España.
A novela, a lectura da cal recomendo encarecidamente, conta a historia dun exército de guerrilleiros comunistas españois provenientes de Francia, que trata de establecer un goberno republicano na localidade leridana de Viella en 1944. É unha historia sorprendente e entrañable sobre homes e mulleres que loitaron para liberar a España da Ditadura franquista, sufriron o exilio e regresaron tras a morte de Franco a un país que ignoraba, e aínda ignora, a súa pequena xesta.
Coido que Almudena Grandes resúmeo moi ben no seguinte texto: "Os episodios que eu puiden contar son momentos significativos da resistencia antifranquista que abranguen case corenta anos de loita ininterrompida, un exercicio permanente de rabia e de coraxe no contexto dunha represión feroz. Unha determinación tan firme que durante moitos anos pareceu un suicidio, pero sen a cal nunca chegaría a ser posible a España aburrida, democrática, dende a que eu podo permitirme o luxo de evocala".
Isto, que tanto se asemella a unha estafa, é o previsto na aplicación do Canon de Saneamento, que con carácter retroactivo de catro anos pretende facer pagar a gandeiros e agricultores polo consumo das súas granxas, segundo as cartas que están a chegar ás explotacións, con liquidacións de ata 9.000 euros. Así, sen máis debate. E quedan tan tranquilos. Talvez Agustín Hernández algún día nos poderá explicar en base a que pretende cobrar un imposto ás explotacións por depurarlles unhas augas que non trata, que non están conectadas a ningunha rede de sumidoiros.
O conselleiro debería saber xa, da súa época en Augas de Galicia, que cada granxa está obrigada a ter unha foxa de xurro para tratar os residuos que produce, os cales unha vez tratados se converten en fertilizantes orgánicos para as terras. Tamén, non estaría de máis que dese unha volta polo rural, baixase do coche oficial e fose preguntando en cada parroquia quen pagou a traída de augas, sobre as que a Xunta pretender agora gravar o consumo. Un disparate que se vén sumar xa a unha longa lista de disparates que os galegos e galegas temos que sufrir no espírito e sobre todo na carteira.
Non viría mal que alguén lle puxese sentidiño ás cousas que pare o Consello da Xunta, porque empeza a parecerse demasiado ao ‘camarote dos Irmáns Marx’, pero con menos sentido do humor, porque entre a ocorrencia dos 200.000 visitantes do Papa, as estradas que aparecen e desaparecen, o servizo de autocolocación que está montado do Sergas, os atrasos na dotación informática das escolas, etc., máis nos pagaba a pena mandar a todo o Goberno Feijóo a un balneario a tomar as augas para ver se se concentran un pouco máis.







